Novas
Banda de Música de Visantoña
Santiso foi desde sempre unha terra de profunda tradición musical.
Os primeiros datos de formacións musicais na zona aparecen a finais do século XIX e desde ese momento, e ata os nosos días, ten un papel relevante a Banda de Música de Visantoña.
A Banda de Música de Visantoña naceu baixo o mecenazgo do dono do Pazo de Vilar de Ferreiros, edificio histórico sito nesta mesma parroquia, e que alá polo ano 1877 e a sabendas de que o fillo dun dos seus caseiros, Ramón López Soto, voltara do servizo militar cunhas nocións de música, encargoulle a tarefa de formar unha banda. O fundador da Banda de Música de Visantoña conseguiu facer a súa primeira actuación e desde aquelas ata hoxe, con moitas dificultades pero con moita ilusión e empeño, chegouse á Banda de Música de Visantoña tal e como se coñece na actualidade, contando durante esta traxetoria cunha decena de directores á súa fronte.
Neste percorrido histórico tivo unha importancia trascendental a figura de D. Eugenio Pazos Reyes o cal estivo como director á fronte da Banda de Música de Visantoña durante case corenta anos (1955-1994), ao longo dos cales, e debido á súa firme convicción de que a continuidade e a subsistencia da Banda de Música discorría inevitablemente pola educación musical, adicouse ademáis de á dirección a formar musicalmente, xeración tras xeración, a centos de alumnos e alumnas da nosa bisbarra, algúns dos cales chegaron a adicarse profesionalmente ao mundo da música tras continuar os seus estudos en conservatorios profesionais desta e doutras comunidades autónomas e, nos últimos tempos, incluso no estranxeiro. Todo isto motivou que desde o ano 2008 a Escola de Música que forma a "canteira" da banda, leve o seu nome como recoñecemento á súa extraordinaria laboura.
Da man da banda de música camiña a Asociación Cultural Banda Escola de Música de Visantoña a cal naceu no ano 1990 coa finalidade de garantir a continuidade da Banda de Música de Visantoña e que se configura como a titular da mencionada Escola de Música Eugenio Pazos Reyes, escola que conta desde o ano 1998 conta co recoñecemento como Escola de Música dependente da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria. O obxectivo da dita escola é mellorar a educación musical e os valores culturais e implementar unha sólida formación de base que permita o fortalecemento dos primeiros pasos no mundo da música, e para iso desenvolve unha oferta ampla e diversificada de educación musical, sen límite de idade, con clases continuas durante seis días á semán no local de ensaios sito na parroquia de Visantoña e ao que acoden preto de medio cento de alumnos e alumnas deste e doutros concellos limítrofes. Outro dos froitos directos e enriquecedores desta Escola de Música é o seu Coro de Nenos e Nenas que recentemente ven de sacar á luz o seu primeiro disco titulado "Anceios" .
Na actualidade, a Banda de Música de Visantoña está dirixida polo lalinense Santiago García Mella e conta con preto de corenta músicos que cos seus concertos continuan a levar o nome do noso Concello e da súa contorna a todos os recunchos da xeografía galega, convertíndose nun elemento dinamizador da vida musical do noso pobo.
Cultura
-
Jul 11 , 2014
Deporte
-
Jun 22 , 2014