Se por algo se caracteriza esta ruta é polas vistas da paisaxe tradicional rural galega onde conviven harmoniosamente grandes extensións de prados e cultivos con sebes naturais, regatos que alimentan o encoro de Portodemouros e fragas de árbores centenarios que impasiblemente gozan do paso do tempo, sempre vixiados polos maxestuosos pazos noutra época máis esplendorosos.
O concello de Santiso pode gabarse do seu rico patrimonio en elementos arqueolóxicos, cunha boa representación da construción castrexa e megalítica, contando con mais dunha ducia de castros e mámoas espalladas por todo o seu territorio.
Seguidamente xurde a arquitectura relixiosa e popular. Cun elevado número de igrexas ligadas a cada unha das 17 parroquias, moitas veces acompañadas dos fermosos cruceiros que intercálanse coas numerosas construcións populares como pazos, hórreos e pombais.
A orografía do terreo aparece quebrada por pequenos vales erosionados ao longo do tempo polos ríos que regan toda a súa superficie.
Intentando amosar unha mostra deste rico patrimonio, a ruta PR-G 125 Sendeiro de Visantoña, de aproximadamente 14 qm, parte do Local da Asociación “O Noso Lar” no lugar de Seoane. Seguindo a dirección contraria das agullas do reloxo partimos por unha pista de terra en dirección ao Pazo de Vilar de Ferreiros. Con capela, hórreo, pombal e fonte é, tras varias remodelacións, un dos mellores conservados de Galicia e un bo representante da arquitectura relixiosa, civil e popular.
Seguidamente atoparemos o Castro de Vilar de Ferreiros, que conserva en bo estado parte do foso e parapeto defensivos na parte O e NO. Sen escavar, agocha un tesouro de pezas de alto valor arqueolóxico xa que non foi espoliado como outros.
Continuando co roteiro e logo de gozar varios quilómetros da paisaxe rural tradicional,chegamos aos Muíños do Tajo. Situados no regato que lles da nome, son catro construcións populares onde se realizaba a moenda do grao de cereal cultivado na bisbarra.
Camiñamos un pouco máis dun quilómetro e chegamos á aldea do Ribeiro. O Pazo do Ribeiro maila súa capela, ámbolos en estado de abandono, emerxen para amosarmos a importancia que algunha vez tiveron no pasado.
Nesta aldea podemos apreciar un conxunto de construcións prehistóricas. As Mámoas do Ribeiro, situadas nun outeiro dominando o val, trasládannos á cultura megalítica tan presente neste concello.
Continuamos o percorrido pola beira do Encoro de Portodemouros. Debido a súa construción nos anos 60, quedaron asolagadas as aldeas de Brocos en Agolada e Ribadulla en Santiso. Dende o ano 1975 está en funcionamento unha barcaza que une as parroquias de Loño (Vila de Cruces) e Beigondo (Santiso).
Actualmente, ademais de aproveitamento eléctrico inicial, utilízase para a práctica de deportes náuticos.
Despois dunha pequena pero forte subida atopámonos co Castro de Seoane, que conserva parte da muralla defensiva exterior logo de ser practicamente derruído para a adecuación do terreo á práctica agraria.
A escasos metros encóntrase a Área Recreativa de Valiñas acompañada da piscina municipal, onde podemos facer un descanso no camiño, xa que que ten mesas, bambáns e grellas á sombra dos carballos e piñeiros.
Case pegado atópase o Campo da Festa, tamén con bambáns, mesas e grellas; é o lugar de celebracións das festas populares e relixiosas da aldea de Visantoña.
A Igrexa de San Xoán de Visantoña, érguese no centro do núcleo de poboación de Seoane. Das máis amplas do concello, ten planta rectangular, dúas capelas e sancristía encostadas nos laterais. No adro está situado o cemiterio.
O camiño pasa a carón do cruceiro de San Xoán de Visantoña. Situado non cruce de camiños, destacando unha base onde se representan catro caveiras, un fuste con cabezas de anxos e a cruz con dúas figuras en sendas caras.
Remátase a escasos metros, na Área Recreativa de Seoane, con mesas á sombra de carballos, onde se pode descansar despois dos 14 qm percorridos nesta fermosa andaina.
14,48 km
Sí
377 m
379 m
Dificultade técnica: Moderado, Tempo: 4 horas