telefono

Historia

Estas terras de Santiso, encadradas dentro da bisbarra natural e histórica da Terra de Melide, deberon de estar intensamente poboadas en épocas prehistóricas, a xulgar polos restos que daquelas culturas se encontraron. Entre os castros destacan o de Serantes, cun grupo de mámoas moi próximas aos muros defensivos; o Couto Aurela en Vimianzo conserva a lenda das dúas vigas de ouro e alcatrán. O de Quinzán, en Niñodaguia, ten case completo o seu dobre recinto defensivo; tamén está enteiro o de Belmil, entre as parroquias de NovelaPezobres, cos seus dous recintos graduados. Cítanse igualmente os de Novela en Pousada, oCastro dás Seixas en Ribadulla e o de Beigondo, este último moi desfeito por traballos agrícolas.
A arquitectura relixiosa ten o seu mellor expoñente na igrexa de San Estebo de Pezobrés e na de San Pedro de San Román son románicas do S.XII-XIII. Destaca o cruceiro de Visantoña de bo tamaño plataforma moi traballada, con pedestal decorado con símbolos tradicionais (serpe, caveiras, ósos, etc.).
Entre os numerosos pazos, o pazo que máis chama a atención pola súa grandiosidade e elementos decorativos é o de Vilar de Ferreiros, alúgase para celebrar vodas, congresos, etc. O pazo de Belmil áchase completamente abandonado e en ruínas, dentro do pequeno núcleo urbano do mesmo nome, pero aínda conserva os trazos que mostran a súa nobreza. Na mesma parroquia de Belmil, pero nun lugar retirado, vense os restos dun antigo casarón que foi o pazo deVilasoa, sobre o que destaca unha voluminosa cheminea. O Pazo de Liñares, de uso privado, consérvase un pouco mellor ao lado da pequena igrexa parroquial, antiga capela deste. O Pazo  Pena representa un auténtico exemplo da arquitectura tradicional galega en Santiso. Conserva o seu corredor cuberto, a alta cheminea coroada de pináculos e os muros encalados, dentro dunha extensa explotación agrícola, actualmente é unha casa de turismo rural.

Cultura